Software de Oficina: Suites

Unha suite de ofimática non é máis ca un conxunto de programas para resolver algunhas das tarefas propias das oficinas e outros escritorios semellantes, como os de estudantes ou domésticos para o control de finanzas, e que ademais poden traballar de forma interrelacionada. O normal é que inclúan unha aplicación para a confección de documentos de texto, outra para facer follas de cálculo e unha para presentacións de diapositivas. Adicionalmente poden incluir unha aplicación para deseñar e usar bases de datos, ou de debuxos...

Dende primeiros dos anos oitenta ata hoxe popularizáronse un feixe de suites. Algunhas delas formáronse polo agrupamento de ferramentas que xa tiñan popularidade por separado. Con todo, a máis dominante poida que sexa MS-Office, impulsada polo éxito do sistema operativo Windows 95.

As ferramentas que dan máis senso ás suites ofimáticas son de feito tecnoloxías proporcionadas polo escritorio do sistema operativo. Por exemplo, Windows popularizou OLE 2.0, ferramenta que foi tamén implementada incluso en escritorios do sistema operativo Linux como Plasma para manter a compatibilidade, inda que estes escritorios adoitan ter as súas propias ferramentas.

As aplicacións ofimáticas permiten incrustar documentos ou partes creadas cunha aplicación noutra aplicación da suite.

A popularidade destas ferramentas ciméntase no doado que é aprender a usalas, polo deseño visual que teñen. En consecuencia, son usadas de maneira cotiá para unha morea de tarefas que non teñen moito que ver co seu deseño, en sustitución de ferramentas específicas que poden requerir unha maior dificultade para comezar a traballar con elas. Por exemplo, hai traballadores autónomos que usan Word ou Excel para facer facturas, no canto de usar unha aplicación de facturación que é moito máis axeitada para ese uso concreto.

En xeral, cada tarefa concreta pode ter unha aplicación máis axeitada, mais unha simple suite pode cubrir as necesidades de moitos usuarios con software que ao cabo se fai máis familiar canto máis se usa.

O éxito das suites ofimáticas está na sinxela interfaz común a todas as aplicacións da suite.


Exemplo de factura en Calc, a folla de cálculo de LibreOffice.

Outro efecto do uso deste tipo de software é a homoxeneidade. As interfaces acostuman a ser bastante semellantes entre si, tanto entre aplicacións como entre sistemas operativos. Un usuario de MS-Office en Windows atopará as interfaces de LibreOffice en Mac bastante semellantes como para que a curva de aprendizaxe non sexa moi pronunzada.

Suites Online

Odoo image and text block

Probablemente, a primeira suite ofimática en estar dispoñible completamente online foi Google Docs. O que comezou sendo un proxecto de aloxamento de ficheiros online chamado GDrive, logo foi evidente que a productividade aumentaría se o usuario dispoñía primeiro de certos visores, en particular PDF, e logo xa de ferramentas que permitisen modificar eses ficheiros, e incluso crealos, dende o propio navegador.

As suites ofimáticas modernas adáptanse para poderen ser executadas cun simple navegador web.

Microsoft presentou a súa versión coa denominación Office 365, facendo posibles suscripcións mensuais e con One Drive como ferramenta de aloxamento de ficheiros online.


No lado do Software Libre apareceron os proxectos OnlyOffice e Collabora Online, este último baseado en LibreOffice. Inda que ambos proxectos poden usar distintas ferramentas de aloxamento de ficheiros online, o certo é que o máis habitual é velas implementadas conxuntamente con NextCloud ou o seu antecesor OwnCloud.

As interfaces de calqueira das ferramentas anteriores tenden a ser moito máis sinxelas que as respectivas versións de escritorio, podendo non disporse de certas características dispoñibles na versión de escritorio.

Coma complemento ás versións online das principais suites ofimáticas, tamén están dispoñibles versións para móviles e tablets.