Enlightenment

Arte para o teu escritorio

Cando se deseña un escritorio adóitase a estabrecer unha serie de criterios ou aspiracións a cumprir. Plasma, que nos seus inicios era KDE tiña unha regra que era manter certa similitude con Windows 95®, inda que por defecto dispuñan unha barra de tarefas na parte superior da pantalla, deixando o panel principal para atallos, a bandexa de sistema, o menú e o manexador de escritorios virtuais.

Por contra, Gnome tiña como guía visual interfaces coma Motif, non en van era a especificación da OSF, mais o escritorio foise desenvolvendo a partires das librerías gráficas de GIMP. Como resultas, os paneis eran máis grandes e os botóns e outros widgets eran cadrados. Mais o xestor de fiestras non era parte do escritorio, coma si acontecía en Plasma con Kwin.

Na segunda versión de ambos escritorios os dous proxectos atoparon inspiración no que facía o outro. KDE pasou a ter un so panel namentres Gnome colleu o segundo panel para o xestor de tarefas e outros elementos. Co tempo ambos os dous proxectos se especializaron en dúas liñas diferentes. KDE, xa antes de mudar en Plasma, especializouse en interfaces máis completas con un monte de opcións visibles, e Gnome foi polo camiño contrario de tentar manter interfaces o máis simples posibles.

Mais entanto se producían estes cambios, e xa que o xestor de fiestras de Gnome era un proxecto separado, xurdiu un xestor de fiestras que pretendía ser máis ben un alarde visual, cun nome adecuado a ese carácter: Enlightenment.

Na honra da verdade, era un xestor de fiestras para Gnome, que tamén podía executarse so, espectacular, inda que tamén foi a primeira vez que un escritorio Linux me bloqueou o teclado e o rato, un bug habitual nas primeiras versións. E requería a inconcebible cantidade de ¡8 MiB de RAM enteiriños para el!!

Logo estivo un tempo pasando bastante desapercibido. O auxe dos compositores facilita que outros xestores de fiestras sexan capaces de aplicar efectos espectaculares: fiestras que tremen ou escachan ao pechar, escritorios en 3D...

Mais inda hoxe Enlightenment é un sistema gráfico espectacular, que medrou o suficiente para chegar a ser un escritorio completo. Agora, semella que está a recibir un bo impulso de Samsung ao usalo no seu Tizen.

Enlightenment non recibe o amor de openSUSE (que por defecto se centra en Plasma) nin de SUSE (que usa Gnome), mais está dispoñible nos repositorios oficiais co suficiente coidado para dispor de varios modos de traballo dende o máis preto a openSUSE coma na imaxe pasando por estilos máis propios de Enlightenment. E tamén dispón do seu propio repositorio no Build Service.

Ao executar Enlightenment por vez primeira aparecerá un asistente que nos preguntará unhas poucas cousas: o idioma, o tipo de ambiente (clásico de openSUSE, openSUSE con dock, clásico de Enlightenment, Enlightenment con tiling), a política de foco (premendo co rato ou simplemente cando o punteiro sobrevoa a fiestra) e algún axuste máis..

Odoo text and image block
Odoo image and text block

Nesta imaxe a vista corresponde a Enlightenment con dock para openSUSE.

O dock e moi reducido e o resto máis ou menos vese igual.

Igual que na vista anterior vemos un widget para manexar as actualizacións. Ademais do reloxo analóxico e un widget para o son, o resto está ocupado simplemente polo menú principal e o xestor de tarefas.

Outra posibilidade é usar unha vista máis estándar.

O que máis ocupa é o manexador de escritorios, e non dispón o widget das actualizacións. É máis curto que o clásico e tamén ten a posibilidade de cambiar o idioma do teclado.

Odoo text and image block
Usar este escritorio, coma moitos outros, pode ser un reto se non estás acostumado a el. Por defecto incluso o mero acto de premer un botón ou nunha xanela é moi diferente a facelo na maioría de escritorios. A cambio obtés un escritorio moi eficiente e moi artístico.
En openSUSE, a maneira máis doada de probalo é instalando o patrón Enlightenment dende YaST Software.
Ola!!